HISTORIA

O Arealonga FS Chapela foi fundado no ano 2003 por Iván J. Vázquez Figueroa, actual presidente do club. A súa orixe foi das máis humildes, no CEIP Laredo, ao que cómpre agradecer a colaboración do director daquel momento por permitir o uso das instalacións para fomentar este deporte. Daquela ninguén podía imaxinar a dimensión que chegaría a acadar o club nin a importante labor social que desenvolvería no pobo co paso dos anos.
Durante moito tempo, o club adestrou na pista deste centro educativo, afrontando a choiva e o frío dos invernos. O que comezou cun pequeno grupo de rapazas que xogaban ao fútbol sala no seu tempo libre foi medrando pouco a pouco ata consolidarse como o Arealonga FS Chapela. Na actualidade, o club conta con 17 categorías mixtas, desde biberón ata sénior, con máis de 150 xogadores e xogadoras que compiten en ligas locais, provinciais e autonómicas, e dispón de dous pavillóns cedidos polo Concello de Redondela para os adestramentos.
Cómpre salientar tamén o xa coñecido torneo anual que se celebra en Chapela desde hai máis de vinte anos e que marca o inicio do verán. Nada disto sería posible sen a dedicación do equipo directivo, do corpo técnico formado por adestradores e delegados, así como das nais, pais e demais familiares, e especialmente dos xogadores e xogadoras, que traballan día a día para sacar o club adiante e seguir medrando.
O Arealonga FS Chapela destaca polo seu traballo, humildade e compañeirismo, valores que lle permiten funcionar como unha gran familia e que constitúen a base do seu éxito. Un exemplo do seu compromiso solidario é o Torneo O Cabeiriño, que se celebra anualmente coa recollida de alimentos destinados ás persoas máis necesitadas do concello.
O club mantén unha clara aposta por todos aqueles nenos, nenas e mozos que desexan practicar este deporte, sexan ou non do barrio, e de maneira moi especial polo fútbol sala feminino, verdadeiro motor e esencia deste fermoso proxecto.
